noticias-blog

Sábado, 27 Abril 2024

CARTA DE RECLAMACIONES AL CONCELLO.

El pasado jueves día 26 fue presentada en el Concello de Vigo una carta dirigida al alcalde D.Abel Caballero con las deficiencias y demandas del PAU de Navia, carta que se expone íntegramente a continuación:

Navia, 26 de xullo de 2007

Excmo. Sr. Don Abel Caballero

Alcalde de Vigo

Estimado Señor Caballero:
Dende a Asociación Veciñal de Navia poñémonos en contacto con vostede co fin de explicar a situación crítica pola que está a pasar o novo barrio das Teixugueiras, así­ como demandar de forma urxente a solución aos problemas que imos expoñer, non sen antes lembrarlle que no pasado mes de febreiro foi aprobada por unanimidade en sesión plenaria, unha moción en relación a estas carencias pero, polo de agora, non foi levada a cabo.

Queremos indicarlle, antes de pasar á exposición, que se estima que xa están a vivir nas Teixugueiras aproximadamente 4.000 persoas, que en moi curto prazo de tempo serán entregadas as vivendas pertencentes a tres novas promocións, que se están construíndo edificios que serán rematados en 2008 e 2009, e que se está comezando o proceso de urbanización de novas fases, polo que a chegada de xente está sendo continuada, incrementándose a poboación día a día, pero non os servizos mínimos precisos para levar unha vida mínimamente digna no que cremos é o barrio máis novo demográficamente falando, e cun nivel de natalidade salientable: son moitos os nenos e nenas que xa naceron nas Teixugueiras.

Explicados estes antecedentes, consideramos necesario e urxente poñer solución aos graves problemas derivados do abandono da zona, e que pasamos a enumerar:

LIMPEZA: O barrio está en situación lamentable e de abandono no que a limpeza se refire: beirarrúas sucias, papeleiras rebosantes, colectores de lixo que non se baldean e producen malos cheiros, restos de todo tipo en zonas polas que transita a xente, vexetación desbordante, manchas de aceite (o PAU é utilizado como espazo para limpar coches, almacenar camións e maquinaria, o pintado de farolas, etc), etc.

PRAGAS: Aparición de ratas en zonas moi próximas a edificios habitados, pragas de insectos e pulgas.

MOBILIARIO URBANO: Escaseza de mobiliario urbano.

SEGURIDADE VIAL: O barrio das Teixugueiras convertiuse nun espazo que algunha xente utiliza para poñer en práctica actitudes temerarias na conducción, como coller rotondas a grande velocidade, práctica de derrapes, prácticas perigosas con ciclomotores, etc. A isto hai que sumarlle a falta de respecto polos escasos e inseguros pasos peonís por parte da xente que realiza ditas prácticas, así­ como por moitos vehículos de obras e vehículos privados que, ante o que consideran un lugar libre de normas, dado o estado de abandono no que se atopa o barrio, optan por facer as manobras que máis lle conveñen, como saltar medianas, conducir a velocidade excesiva, cambios de sentido e dirección inadecuados, etc., poñendo en perigo a seguridade pública. Consideramos que o abandono que perciben dentro do barrio é o que retroalimenta estas actitudes.

ROTONDAS E ISLETAS: As rotondas e isletas interiores son auténticos depósitos de lixo e de maleza, ao igual que as rotondas, isletas e interseccións que rodean o barrio e que lle dan acceso; ademáis, é preciso ter en conta que estas vías externas que nos rodean son moi utilizadas polos turistas para achegarse ás praias e ao Val Miñor dende Vigo, polo que consideramos que a imaxe da cidade que se está a dar é lamentable. Algúns veciños e veciñas comezamos a sentir vergoña da parte de Vigo na que vivimos.

Por todo isto demandamos con carácter urxente:

Mellora na limpeza, recollida de lixo, baldeo de colectores, control de actividades inadecuadas (limpeza e arranxo de vehículos, pintado de farolas,...) e desbroce da maleza.

Desratización, control de pragas e doutros animais que campan polo PAU libremente, como cabalos e cans asilvestrados.

Colocación de mobiliario urbano. (quedamos á súa disposición para indicarlle os elementos que son necesarios).

Vixilancia policial orientada á seguridade viaria, mellora da sinalización, medidas para controlar a velocidade, mellora de medianas de forma que se impidan ou dificulten as manobras temerarias, mellora de pasos peonís, tanto os internos como os externos de acceso/saí­da ao/do PAU mediante a busca dos mecanismos máis axeitados (ben elevación de ditos pasos, ben semáforos, etc).

Adecentamento de rotondas e isletas internas e externas mediante limpeza e acondicionamento vexetal, ornamental e estético.

Quedamos á súa disposición para colaborar no que sexa preciso, co fin de corrixir a situación descrita.

Reciba un cordial saúdo.

Asdo.: Francisco Piñeiro Lorenzo

Presidente da Asociación Veciñal de Navia


  • No se han encontrado comentarios

Ultimos anuncios publicados

Próximos eventos

No hay eventos

Colaboran con esta web