ENTREVISTA A VICTORINO ENRIQUEZ.

É presidente honorario da Cooperativa Veciñas de Vigo, unha entidade que promoveu 288 vivendas en Navia, Vigo. Trátase dunha das persoas do país con máis experiencia neste campo.



Veñen de rematar unha cooperativa en Vigo.
Entregaremos as chaves o 23 de outubro e temos outra en funcionamento. A que case está rematada ten 288 vivendas.
Serán pequenos os pisos, sendo tantos...
De noventa metros útiles, con tres habitacións, dous cuartos de baño, cociña e salón-comedor. Ademais, tamén temos garaxe, rocho no faiado e bodega.

Pagarían un ollo da cara.
En absoluto, cada piso sae a 96.200 euros.

Pero se en Vigo os pisos non baixan dos 150.000 euros, e son máis pequenos.. Esa é a razón pola que levo trinta e seis anos traballando nas cooperativas. Son a única maneira de que un traballador poida adquirir un piso en propiedade.


Se son tan baratos, se cadra son moi cutres.
Alguén podería pensar que si, pero non é así­. As calidades son moi boas. A razón é que ninguén gaña nada, por iso teñen calidade media alta por un prezo xusto e razoábel. Nunha cooperativa só hai gastos, non beneficios.

Para pisos baratos, na vilas pequenas.
Pero hai que marchar fora para mercar e comprar un piso máis cativo. Entre unha vivenda de tres cuartos e outra de dous cuartos hai unha diferenza de tres mil euros, por esa cantidade, quen quere un piso pequeno? Ademais, as nosas habitacións son todas exteriores.

De todos xeitos, iso das cooperativas é concorrencia desleal. Pobres promotores, deixan de gañar por culpa súa.
As construtoras gañan o mesmo traballando para as cooperativas que para os promotores, pero con estes últimos non teñen garantido o 80% do valor da obra. Coas cooperativas quen non se benefician son os promotores, pero non son eles quen aguantan o país, quen dan traballo son as construtoras.

Un piso como eses, de 100.000 euros, quen mo dera para vendelo.
Non se poden vender durante dez anos. É máis, vai mudar a lei e ampliarse o prazo. Pódense vender, pero ao Instituto Galego da Vivenda e o Solo, que ten unha opción sobre o piso. Non son para especular con eles.

A especulación non é tan mala.
Os pisos de protección autonómica páganse cun préstamo oficial do 80% do valor da vivenda. É diñeiro de todos e non é xusto que se empreguen os pisos para especular.

¿Que requisitos hai que cumprir para acollerse a unha cooperativa?
Ter unha nómina de non máis de tres veces e media do salario mínimo e non ter vivenda en propiedade.

E non teñen máis cooperativas previstas?
Temos unha en marcha de 144 e hai unha lista de espera de 436 socios expectantes. Esperemos que a Xunta tome boa nota e que axude máis ás cooperativas; non ás falsas cooperativas que en realidade son empresas que se constitúen en cooperativas aparentes para acceder a terreos municipais. En Navia pasou moito.

Calquera que o desexe pode montar unha cooperativa?
Por iso hai esas cooperativas falsas que logo cobran de máis aos que compran a vivenda. De todos xeitos, para constituí­r unha cooperativa hai moitos problemas xurídicos e técnicos, precísanse asesores.

É por iso que non se fan máis a miúdo?
En Vigo só estamos nós e Vitra, a cooperativa de Comisións Obreiras, que ten carácter estatal. As cooperativas non teñen diñeiro para comprar o terreo. A solución é que a Xunta e os Concellos promovan chan público. Con iso e con cooperativas resolvíase o problema da vivenda en catro anos. Iso pagando polo chan unha cantidade que, no noso caso, repercute a razón de 24.000 euros por vivenda.

Mire, non podían proxectar pisos máis pequenos -tamaño picadeiro-, un solteirón coma min non precisa de tanto espazo.
Cabe esa posibilidade no futuro, pero por seis mil euros menos, para que un piso dun só cuarto?
  • No se han encontrado comentarios
Powered by Komento